A Federación Galega de Baloncesto celebrou esta mañá, no Pazo de San Lorenzo de Santiago de Compostela, o sorteo oficial das semifinais da Copa Galicia de Baloncesto Sénior Masculina. Neste acto definíronse os dous duelos que marcarán o camiño cara á final desta edición, que este 2026 chega ao seu 40º aniversario.
O sorteo, presidido polo presidente da Federación Galega de Baloncesto, Julio Bernárdez, contou coa presenza de Pilar Lueiro, concelleira de Deportes do Concello de Santiago de Compostela.
En representación dos clubs participantes interviñeron: Raúl López, Presidente do Obradoiro CAB; Pablo de Amallo, Presidente de Básquet Coruña; Diego Regueira, Presidente do Club Ourense Baloncesto; e Miguel García Feijoo, Secretario Técnico do CB Breogán.
Semifinais: emoción garantida
Tras o sorteo, as semifinais depararon os seguintes enfrontamentos:
(Sábado, 05/09/26 – 18:00 h) Leyma Coruña vs Club Ourense Baloncesto.
(Sábado, 05/09/26 – 20:30 h) Monbus Obradoiro vs. Río Breogán.
A quenda da final chegará o domingo, día 6 de setembro, ás 19:00 h.
A responsabilidade de repartir a sorte dos catro equipos veu da man de Santiago e Sebastián, dous nenos pertencentes á Fundación Andrea, entidade á que a Federación Galega de Baloncesto quiso agradecer neste acto o seu traballo e compromiso.
Unha Copa Galicia para un gran momento
O presidente da Xunta Xestora da FEGABA, Julio Bernárdez; sinalou o especial momento no que chega esta Copa Galicia para o Baloncesto Galego: “o mellor intre da nosa historia” cun “Baloncesto Galego unido” e referente ao máis alto nivel tanto en categoría masculina como feminina.
Bernárdez agradeceu a colaboración imprescindible do Concello De Santiago e do Obradoiro CAB para a organización desea 40 Copa Galicia, que volve a Compostela, cidade que a acolleu no ano 2013 por última ocasión.
Pola súa banda, Pilar Lueiro, concelleira de Deportes, agradeceu a confianza da Federación Galega de Baloncesto para poder levar a cabo esta Copa no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago co apoio do Concello e do Obradoiro CAB; felicitando tamén pola súa gran tempada aos catro equipos que tomarán parte nesta edición da competición.
Finalmente, convidou a todos e a todas a desfrutar, comenzando polo cinco e seis de setembro, duha temporada do máis ilusionante para o Baloncesto Galego.
Venda de entradas
A venda de entradas e abonos para esta 40 edición activarase nos vindeiros días.










