A Gala Basketgal 2026 entrega o 17 de xuño na Cidade da Cultura os premios á temporada e ás lendas do baloncesto galego

 A Federación Galega de Baloncesto celebra o mércores 17 de xuño a Gala Basketgal 2026 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela. A cerimonia, recuperada en 2025 despois de 18 anos sen celebrarse —a última edición tivera lugar en 2007—, chega así á súa segunda edición consecutiva e recoñece os protagonistas da tempada 2025-26 a través dos Premios Basketgal, ademais de distinguir figuras históricas cos Premios Lendas do Baloncesto Galego.

Blanca Millán e Isaac Vázquez reciben os premios á mellor xogadora e mellor xogador sénior da tempada. O galardón ao mellor adestrador é para Suso Garrido (Durán Maquinaria Ensino Lugo), e o de mellor árbitra para Paula Lema.

O premio ao mellor club recae no Galogrín, en recoñecemento a un modelo de traballo de base que suma 57 equipos e que achega xogadores e xogadoras ás seleccións galegas. Na categoría de formación, o premio masculino é para a Selección Galega 3×3 U13, medalla de ouro no Campionato de España 2025, e o feminino para Sandra Martínez (Seis do Nadal), recente fichaxe do Baxi Ferrol. O premio á Acción Social distingue o proxecto Rural Champs, e o galardón aos mellores directivos é para José Luis Gómez e Almudena Álvarez, do CB Barco de Valdeorras.

Os Premios Lendas do Baloncesto Galego recoñecen nesta edición seis traxectorias. Alfredo Pérez, referente histórico do CB Breogán e último xogador español en rematar como máximo anotador da liga —fíxoo dúas veces, en 1970-71 e 1972-73—, recibe o premio como xogador, e Ángeles Liboreiro, tres veces campioa de Liga e de Copa da Raíña co Celta de Vigo e 51 veces internacional con España, como xogadora. Manuel Fernández Rey “Pirulo”, que dirixiu o Breogán no seu primeiro ascenso á ACB e adestrou tamén o Obradoiro, o Ourense e o Bosco, é distinguido como adestrador, e José Luis Estévez Camiña, primeiro árbitro formado na arbitraxe galega en chegar á ACB, onde dirixiu tres tempadas, na categoría arbitral. Paco Martín, presidente de honra da Federación Galega de Baloncesto, recibe o recoñecemento pola súa etapa á fronte da entidade entre 2006 e 2022, na que liderou a súa modernización. Complétase o palmarés con Radio Lugo–Cadena SER, premiada pola súa contribución á difusión do baloncesto galego ao longo de décadas.

A gala dará comezo ás 20:00 horas no Museo Centro Gaiás.

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias