Convocatoria Eleccións a Membros da Asemblea Xeral, Presidente/a e Comisión Delegada FEGABA 2026

De acordo co Decreto 171/2021 do 23 de decembro, que modifica o Decreto 16/2018 de 15 de febreiro, polo que se establecen as bases e os criterios para a elaboración dos regulamentos electorais que deben rexer a realización dos procesos electorais nas federacións deportivas galegas, a Federación Galega de Baloncesto aprobou na súa Asemblea Xeral Extraordinaria do 23 de marzo de 2026 o regulamento electoral para a elección dos membros/as á Asemblea Xeral, á Presidencia e á Comisión Delegada da Federación e o calendario electoral estimado do proceso electoral 2026-2030.

O 27 de marzo de 2026, a Secretaría Xeral para o Deporte, aprobou o regulamento electoral para a elección a membros/as da Asemblea Xeral, Presidente/a e Comisión Delegada da Federación Galega de Baloncesto e o calendario electoral.

Por todo o exposto, D. Julio Bernárdez Alvarez, en calidade de Presidente da Federación Galega de Baloncesto, RESOLVE: a disolución da actual Xunta Directiva e a convocatoria oficial de eleccións a membros/as á Asemblea Xeral, á Presidencia e á Comisión Delegada da Federación Galega de Baloncesto.

Dende o día de hoxe 04/06/26 será exposto no Web da FGB o Censo Electoral provisional e as persoas interesadas poderán presentar reclamacións durante o prazo de 10 días naturais antes a Xunta Electoral (eleccions@fegaba.com)
Tamén dende o día de hoxe queda aberta a solicitude do voto por correo.*

 

*As solicitudes de voto por correo poderán presentaranse a partir do día seguinte ao da convocatoria das eleccións e ata cinco días hábiles despois da publicación do censo definitivo. Presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, dirixida ao órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte, conforme ao modelo do anexo II (código do procedemento DE200A).

A presentación electrónica será obrigatoria para as entidades deportivas e outras persoas electoras que estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

No caso das persoas xurídicas deberá solicitar o voto por correo a persoa que apareza no censo como representante.

As persoas interesadas que non estean obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, opcionalmente poderán presentalas nos servizos provinciais do órgano superior da Administración autonómica competente en materia de deporte ou en calquera dos lugares e rexistros previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

 

 

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram
Máis noticias