Liñas de traballo FGB
De acordo co establecido no Plan Estratéxico 2008-2012, as liñas de traballo que desenvolverá a Federación Galega de Baloncesto en materia de promoción deportiva son as seguintes:
Dinamización do portal web
O novo portal web da FGB debe facilitar un nodo de información de calidade sobre o baloncesto galego que sexa de referencia para os mediadores sociais -xornalistas, educadores...- e para os afeccionados ao deporte da cesta.
Este espazo de intercambio para adestradores, xogadores, árbitros e xestores deportivos do baloncesto galego debe establecer un espazo de comunicación na rede no que participen de xeito colaborativo clubs, as Federacións Zonais e os responsables federativos.
Queremos converter esta ferramenta na plataforma de difusión das iniciativas de formación deportiva, campionatos ou acitividades sociodeportivas que impulse a Federación ou as súas entidades territoriais.
Divulgación da identidade corporativa da FGB
Campaña de presentación á sociedade galega da nova Federación Galega de Balocesto para favorecer a identificación e visibilizacion da súa nova identidade corporativa.
Difusión do labor social do baloncesto
Campaña de difusión, divulgación e promoción do deporte do baloncesto e do labor social a prol da cohesión e do benestar da sociedade galega.
Campaña Os valores do baloncesto
O seu obxectivo é achegarse a adestradores e profesores de todas as provincias -colectivos que actúan como canle de transmisión dos valores do baloncesto - e inculcar os mesmos entre o alumnado e a mocidade que practica este deporte. Apoiados na campaña da FEB, aproveitaremos para divulgar os valores procurados polo basket galego dentro das actividades da presentación da nova FGB á sociedade galega.
O baloncesto pola igualdade de xénero
Actividades para enfocar a atención sobre o baloncesto feminino, incrementar a pupularidade e o recoñecemento deste deporte e aumentar a participación de xogadoras en todas as categorias, así como de mulleres árbitro a todos os niveis.
Promoción do deporte de base e na escola
Campaña de promoción e dinamización da práctica do deporte base na escola, en especial do baloncesto, como contribución a unha sociedade máis saudable.
Baloncesto e saúde
O obxectivo principal deste programa é o de previr a obesidade infantil promovendo un estilo de vida saudable, baseado en fomentar a alimentación sa e a actividade física. Preténdese, do mesmo xeito, fomentar a práctica do baloncesto como instrumento para inculcar nos menores valores de solidariedade, igualdade entre xéneros, responsabilidade, autocontrol e valoración do traballo.
Baloncesto e lingua galega
A través deste programa distribuiranse, nas actividades propias da Federación e nos partidos das seleccións galegas, publicacións específicas de promoción da cultura galega relacionada co baloncesto, así como determinados episodios salientables da historia do baloncesto en Galicia.
Baloncesto e cultura galega
Redacción e edición do libro Historia do Baloncesto na Galiza, que servirá como ferramenta para a divulgación e como presentación institucional da FGB como federación deportiva senlleira en Galicia.
Baloncesto e sustentabilidade
Programa para promover a implementación das conclusións da Conferencia Mundial sobre Deporte e Medio Ambiente organizada polo COI, entre as cales figura a suxestión de que as federacións deportivas establezan unha política ambiental e directrices en materia de saúde e de ecoloxía en todo o referente ás instalacións deportivas, difundindo e aplicando estes principios a todos os niveis de actividade.
Baloncesto e educación en valores