Club Carmelitas Vedruna: Xornadas de Alto Rendemento

(Info: Club Carmelitas Vedruna) Club Carmelitas Vedruna ofrece a oportunidade a xogadoras profesionais e de proxección de continuar coa súa formación nos adestramentos de alto rendemento que se desenvolverán durante o “IV Campus Avanzado Baloncesto Carmelitas Ourense”. As xornadas terán lugar entre o 25 e 29 de xuño, en horario nocturno de 20:00 h a 22:00 h, nas instalacións do Polideportivo Vedruna.

Catro das cinco sesións estarán dirixidas por Miguel Ángel Ortega, adestrador do Perfumerías Avenida de Liga Feminina 1. Un dos mellores adestradores nacionais do momento, actual campión da Copa da Raíña e Seleccionador nacional U19 Feminino. Como novidade contaremos coa presenza de Víctor Pérez, adestrador axudante de Rio Natura Monbus; que será o responsable de poñer o broche final ás xornadas de Alto Rendemento cunha sesión máis técnica para xogadores interiores e exteriores.

As prácticas terán como obxectivo principal potenciar a creatividade individual de cada xogador ademais de afianzar hábitos para conseguir ser un xogador completo (All-around player).

As xornadas darán comezo o día 25 coa inauguración no establecemento patrocinador de “A Central Heladera” situada na rúa do paseo. O horario da inauguración está previsto para as 19:00 h con todos os integrantes do staff técnico e tamén os 14 xogadores que confeccionan o grupo de traballo.

Grupo destacado de 14 Xogadores/as:

O grupo de traballo está confeccionado por catorce xogadores de distintas idades e categorías (NCAA, EBA, Liga Feminina 2, Nacional, Autonómica e categorías Basee). A todos eles únelles a paixón por este deporte, e tamén a disciplina no traballo dunha forma constante para poder adquirir ou perfeccionar recursos que lles poidan axudar a afrontar dunha forma máis completa a nova tempada que está por chegar.

Entre eles destacar a participación de Rebeca Navarro que vén de proclamarse campioa de conferencia por segundo ano consecutivo coa universidade americana de Robert Morris NCAA (a xogadora uurensana termina a súa etapa universitaria con catro finais e tres campionatos gañados); Abel Cortés, xogador do CB Chantada que este ano pecha unha magnifica participación na liga EBA chegando a xogar polo ascenso a LEB PRATA; Raquel Carrera, xogadora en formación do Celta de Vigo que ademais de participar no Campionato de España Júnior disputou minutos importantes co primeiro equipo do Club en Liga feminina 2 e que ademais tamén formará parte da selección Española U16 este verán ; Cristian Iglesias; xogador do filial do Club Ourense Baloncesto que milita en liga EBA; Nerea Nieto, Laura Patao e Anabel Carballo do Gadasa Skoda Carmelitas, que pecha o ano en terceira posición da liga Autonómica; Pablo Sánchez, xogador do Viña do Campo Rivadavia que participou na liga 1ºAUTONÓMICA ; Diego Fernández, xogador do Club Baloncesto Carbajosa (Salamanca), que ademais de xogar co equipo de Autonómica disputou minutos co primeiro equipo que acaba de lograr o ascenso á liga EBA; David Fidalgo, xogador do CB Allariz que milita en liga Autonómica; e para rematar, as máis novas que están en categorías de formación: Antía Piñeiro e Rut Iglesias, do Club Carmelitas Vedruna: Ana María Cortes, do A.D Manuel Peleteiro; e Angel Estany do Carballo Basket.

Formación de Adestradores – Validación FGB

O CLUB CARMELITAS VEDRUNA en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto contribúe coa formación de Adestradores para que estes poidan achegarse a un tipo de adestramentos máis profesional con xogadores novos. Os adestradores que necesiten aumentar as súas horas formativas optarán a 6 horas en clinics e 1 CETI por participar nesta actividade global. A data límite para inscribirse é o 24/06/2017, podendo solicitar dita prescripción a través dos correos electrónicos

suso.garrido@ccvedrunaourense.com

analen.gonzalez@ccvedrunaourense.com

Comparte:

Facebook
LinkedIn
Email
WhatsApp
Telegram