Español Contacto Mapa web

Federación Galega de Baloncesto

Noticias

árbitros

O CGAB traballa cos colexiados designados para os Campionatos de España de clubs 02/05/2011

O Comité Galego de Árbitros de Baloncesto vén de traballar, aproveitando a celebración esta fin de semana da Fase Final da Liga FGB Sénior Masculina, cos seus seis colexiados designados para participar nos diferentes campionatos de España de clubs: David Seoane, Cristian Martín, Xosé Santos, Adrián Gallego, César Baena e Fran Seguín.

Baixo a tutela do director técnico do Comité Galego de Árbitros, Carlos Cortés, permaneceron concentrados na cidade de Ourense, sede da citada fase, para, ademais de dirixir os encontros da mesma, afondar nas tarefas e nos conceptos precisos para levar a cabo a mellor das actuacións nas vindeiras citas estatais.

Os colexiados tiveron a oportunidade, a través do seu propio traballo realizado sobre a pista do Pavillón Universitario nas xornadas deste venres, sábado e domingo, e co apoio de diferente material audiovisual, de perfeccionar aqueles aspectos teóricos e prácticos máis importantes para afrontar con garantías un campionato desde o punto de vista arbitral.

Precisamente, serán David Seoane, Cristian Martín, Xosé Santos e Adrián Gallego, os primeiros que poderán aproveitar a enriquecedora experiencia, a nivel formativo, que supón participar nunha cita nacional de clubs. A súa oportunidade virá da man do Campionato Júnior Masculino, para os dous primeiros, e do júnior feminino para os dous últimos.

Pola súa banda, César Baena e Fran Seguín, o dúo de colexiados que completa as seis designacións, terán que esperar ata o vindeiro mes de xuño no que están chamados a participar en Vigo no campionato infantil feminino.

Os seis colexiados designados para os Campionatos de España, concentrados esta fin de semana en Ourense

Os seis colexiados designados para os Campionatos de España, concentrados esta fin de semana en Ourense

Os colexiados, analizando o seu traballo

Os colexiados, analizando o seu traballo


© Federación Galega de Baloncesto 2007