Deporte Galego

Bo clima de traballo no primeiro test serio para as Seleccións Galegas Minis

  • 13 Marzo 2012 |

- A ben próxima celebración do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Minibasket, en tan só 15 días na cidade andaluza de San Fernando (Cádiz), centraliza a atención e os pasos dos nosos combinados galegos.

- A súa participación esta pasada fin de semana en Allariz, nun torneo amigable levado a cabo grazas á colaboración do Concello desta vila, é o espello actual que reflicte o seu estado físico e de ánimo, que a tenor das sensacións amosadas en pista, fai crecer o optimismo e a confianza das seleccionadoras, Julia Pena e Paula Couto.

- Recollendo as impresións de ambas, trasladamos aquí, polo miúdo, como foi cada un dos envites dos seus xogadores e xogadoras na cita ourensá.

Selección Galega Minibasket Feminina - "I Torneo Minibasket Concello de Allariz"

18.30 h - 10/03/12
Selección Galega Minibasket - Allariz/Blanco Amor Infantís (64 - 14)

Un combinado infantil de xogadoras de Allariz e Blanco Amor foi o primeiro rival para as galegas na xornada do sábado, na que as de Julia Pena non sufriron apenas para desenvolver os conceptos de xogo asimilados nas concentracións previas.

Sen dificultades, e facendo gala de esixencia e intensidade, sobrepuxéronse aos nervios iniciais. O encontro, que contou cos ánimos de numeroso público, serviu ademais para que todas as xogadoras ensamblaran as súas posicións e fosen conscientes do importante de cada contribución individual ao equipo. Un resultado final de 64 - 14 deixaba o camiño entreaberto para fechar con boas sensacións este I Torneo "Concello de Allariz". Restaba agora o reto máis complicado, o da Selección Asturiana.

11.00 h - 11/03/12
Selección Galega Minibasket - Selección Principado de Asturias Minibasket (65 - 27)

A mañá do domingo ofrecía no seu menú o primeiro dos test máis serios afrontados ata o momento polo conxunto de Julia Pena. En fronte a Selección Asturiana.

As galegas, moi metidas no partido desde o primeiro minuto, saíron en tromba, impoñendo un parcial de 15-4 no primeiro sexto e de 16-0 no segundo. Este bo inicio baseouse nas súas rápidas transicións e nunha boa intensidade defensiva, facendo seus numerosos roubos de balón.

No terceiro cuarto, con todo, Galicia, incapaz de manter a mesma intensidade, sufría un parcial de 4-9 favorable a Asturias que evidenciaba a súa falta de ideas en ataque e provocaba excesivas perdas de balón. Cun marcador de 35-13 chegábase ao descanso, necesario para repor forzas.

Na renovación as galegas tomaron de novo as rendas. A fluidez regresaba ao seu ataque e con ela un parcial ao seu favor de 10-0. Así proseguiron tamén nuns intensos quinto e último sexto. Marcados estes xa polo cansazo, pero útiles para pechar con vitoria (65 - 27) este importante exame de cara á cita en Cádiz coas mellores seleccións de España.

Selección Galega Minibasket Masculina - "I Torneo Minibasket Concello de Allariz"

17.15 h - 10/03/12
Selección Galega Minibasket - Allariz Infantil (67 - 90)

A tensión da estrea na súa primeira competición oficial e a superioridade física do contrario levaron aos pequenos da Selección Galega a cometer demasiados erros ao longo do seu primeiro encontro en terras alaricanas.

A pesar de que sobre a pista puidemos ver moitos dos conceptos traballados ao longo das distintas concentracións realizadas ata agora, os nervios atenazaron aos galegos e impediron que manifestasen a garra e intensidade buscadas. Demasiadas perdas de balón en ataque e máis descoidos defensivos dos desexados permitiron ao rival executar rápidos contraataques.

Allariz permanecía por riba no marcador. Aínda así os minis da Selección lograron manterse no partido, grazas sobre todo á súa axilidade en accións de contraataque e ao seu acerto no tiro exterior.

Galicia logrou establecer axustadas diferenzas e plantarse no último sexto a só 3 puntos de Allariz, equipo que chegado este punto recolleu petróleo da súa evidente superioridade física e do cansazo dos nosos. Esta conxunción de factores traduciuse nun resultado final con avultada diferenza a favor dos anfitrións. Unhas cifras, as do electrónico, que non reflectían de todo a realidade do partido.

12.30 h - 11/03/12
Selección Galega Minibasket - Selección Principado de Asturias Minibasket (75 - 33)

Unha vez esquecidos os nervios do primeiro día, Galicia sentiuse mais cómoda na pista e demostrouno no seu segundo partido do torneo: atacando con bastante fluidez e cunha grande intensidade defensiva, saltando a 2x1 en cada ocasión que se lles presentaba e anotando con facilidade case en cada ataque. A súa vantaxe chegado o descanso rexistraba os 42 puntos.

Xa na segunda metade, o cansazo unido á relaxación pola notable diferenza no marcador deron ás aos asturianos para incrementar a súa anotación pero sen facer perigar o trunfo galego. Os nosos conseguían así a súa primeira vitoria como selección nunha competición "oficial", proba previa útil para o inminente Campionato de España.

volver arriba

Colaboradores Institucionales

 Concello de Santiago LOGO NON  Captura de pantalla completa 30032016 181327  158573631 3698522630239682 385709146731840444 n concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652    dgan
lugo

logo-deputacion-ourense

 

logo DEPUTACION PONT Deputación da Coruña logouvigo
 

 


   

Colaboradores FGB

  balon oficial 

gadis

 

ence