Deporte Galego

Campionato de España Cadete: Galicia debuta en ambas as categorías

  • 03 Xaneiro 2013 |

A xornada deste xoves viviu, por partida dobre, a estrea de Galicia na cita zaragozana do Campionato de España Cadete.

En horario de mañá e de tarde, os xogadores e xogadoras galegas entraron xa en competición para recoller as primeiras sensacións do que será o seu intenso camiño nesta edición.

Os seu calendario para esta primeira data do campionato e a súa actuación nesta xornada de xoves foi o seguinte:

Selección Galega Cadete Masculina - Categoría Especial

03/01/13 - 2º Xornada
(19. 30 h) Galicia - Illas Baleares (79 - 48)
(26-22, 22-4, 16-13, 15-9)

O Encontro comezou con intercambio de canastras por parte de ambos conxuntos. Os nosos intentaban transicións rápidas mentres os baleares aferrábanse ao tiro exterior para engancharse ao partido. Un arreín final dos de Fernando Buendía fixo que a súa vantaxe de cara ao segundo cuarto fóra de 4 puntos (26-24).

Nestes novos dez minutos forxouse o futuro do encontro. Cunha gran defensa, Galicia maniataba aos baleares. Os continuos roubos e perdas producíanse con frecuencia outorgando á selección galega situacións de superioridade ben aproveitadas. A diferenza ampliábase ata os 22 puntos. O descanso chegaba entre as mellores espectativas.

Os minutos de parón non sentaron nada ben a Galicia, que saíu entre dúbidas a disputar o terceiro cuarto. Malia que Baleares non atopaba o seu punto de xogo óptimo, reduciu a vantaxe galega ata os 15 puntos a falta de 2 minutos para acabar o cuarto. Pero, de novo, os galegos esforzáronse en recuperar a súa mellor versión e, grazas a dous triplas consecutivas, situábanse cunha renda vital de 25 puntos ao final do terceiro cuarto.

O último periodo serviu xa para seguir afianzando conceptos de cara ao resto de días de competición. De novo, a defensa galega logrou impoñerse ao ataque rival, permitíndolles anotar tan só 9 puntos nestes últimos 10 minutos.
Ao final, 31 puntos de longa distancia para Galicia e asinado un gran inicio de Campionato.

Selección Galega Cadete Feminina - Categoría Especial

03/01/13 - 1º Xornada
(10.00 h) Galicia - Castilla León (53 - 69)
(11-22, 14-13, 8-21, 20-13)

Galicia debutou neste Campionato de España enganchada ao encontro e ben activa, cun primeiro parcial de 5-0 que obrigaba ao seu rival, Castilla León, a xenerar máis de tres pases para poder atacar o aro. Pero esta situación inicial durou pouco e comezaron os titubeos e imprecisións. Un parcial (0-11) a favor agora das de Castilla forzaba a Cristina Cantero a solicitar o seu primeiro tempo morto.

Os segundos dez minutos traducíronse nun inmediato e continuo intercambio de canastras, destacando no mesmo a xogadora rival Ángela Salvadores, moi talentosa. Esta alternancia de puntos permitiu a Galicia vencer o parcial deste cuarto (14-13), acción que, sen embargo, non cambiaba a súa sorte, deixándoa ao descanso por debaixo no electrónico
(25 - 35).

A peor fase do encontro para as galegas chegou no terceiro tempo, clave na derrota do equipo de Cantero. Unha serie de balóns perdidos, e un parcial demoledor de 0-18 para Castilla León, borraron por completo ás galegas da senda positiva. Os máis que efectivos contrataques castelás e o escaso acerto galego condenaron á nosa selección a rematar este cuarto con 21 puntos en contra.

Os derradeiros dez minutos axudaron a reducir as distancias. Dous quintetos novos por ambas as bandas plantexaron defensas alternativas e ofreceron mellor imaxe deste primeiro contacto oficial coa pista neste Campionato. Galicia recuperou folgos e mesmo obrigou ao seu rival a solicitar tempo morto e recompoñer o seu quinteto. Mais o tempo non foi suficiente para seguir remontando. Ao remate, 16 puntos abaixo e derrota galega.

03/01/13 - 2º Xornada
(17.30h) Madrid - Galicia (77 - 75)
(27-14, 19-16, 6-23, 14-13, 11-9)

Madrid asustou co seu xogo potente nos primeiros compases de encontro. Sen ideas por parte galega, as xogadoras de Cristina Cantero, algo desordenadas nos intres iniciais, comezaban sufrindo un parcial de 10 - 0 que deixaba claro que o trunfo venderíase caro. A dinámica negativa envolveu este primeiro cuarto, pechando o mesmo con 13 puntos abaixo para a nosa Selección (14 - 27)

Nos posteriores 10 minutos as galegas presentaron defensas alternativas zonais que evitaron que Madrid se alonxase no marcador. O seu obxectivo: poder afrontar con opcións a segunda parte do encontro. Así, ao descanso, o electrónico rexistraba un esperanzador 30 - 46.

O regreso dos vestiarios marcou o devir do encontro. O xogo de Madrid, atascado unha e outra vez pola zona galega, comezaba a perder forza. Un potente parcial galego no inicio do cuarto provocaba un tempo morto madrileño tras o que as galegas rexistraron unha racha anotadora de auténtico luxo. Galicia metíase de novo no encontro e conseguía darlle a volta ao panorama reinante sobre a pista.

O derradeiro cuarto facía notar que vencería quen se amosara más serio e acertado. Ambos os equipos intercambiaban canastras e, á súa vez, deixaban ver os primeiros síntomas de cansazo.

A igualdade estableceuse no marcador e era preciso tomar aire fresco. Galicia estendeu ata o límite as súas opcións pero as madrileñas, con oficio, non perdoaban e forzaban unha decisiva prórroga. Todo por decidir.

No tempo extra Galicia sufriu un parcial de 8 - 0, proseguido dun tira e afrouxa no que as de Cantero souberon manterse ata chegar aos derradeiros cinco segundos tan só un punto abaixo. Defendendo ata o final, pero sen sacar apenas rendemento, o cinco galego perdía a posibilidade de levarse o encontro. Madrid marchaba con vitoria. Galicia, coa sensación do traballo ben feito.

volver arriba

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago  Concello de Tui  Captura de pantalla completa 30032016 181327  Logo Ufedega AVATAR RRSS concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652 porriño  
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
logo aneto logo special olympics galicia 2 shuka