Campionato de Seleccións #KDTINF2018 - 05/01/18: resultados galegos

Xoves, 04 Xaneiro 2018 14:09

Consulta, a continuación, os resultados e estatísticas das Seleccións Galegas Infantil e Cadete neste venres, 5 de xaneiro; terceiro día de competición no Campionato de España de Seleccións 2018, cita que se celebra en Valladolid entre os días tres e sete e xaneiro.

WEB OFICIAL #KDTINF2018

Galería de Imaxes - #KDTINF2018: 05/01/18

Campionato de Seleccións #KDTINF2018 - 05/01/18: resultados galegos Foto: Feb

Galicia #KDTINF2018 - Resultados 05/01/18

Infantil Feminino - Fase Previa Grupo Especial A

(Galicia, Cataluña, Navarra, Comunidad Valenciana e Madrid)

05/01/18 - Xornada 4
(09.30 h) Galicia - Navarra (Pavillón Infanta Juana) (12 - 11, 15 - 8, 23 - 12, 2 - 15) (52 - 46) (estatística)

A selección que dirixe Fernán Varela rexistrou a súa primeira vitoria neste #KDTINF2018 nun encontró no que valeu ouro a vantaxe que puido colleitar nun terceiro cuarto crucial para os interese galegos.

O partido comezou con ritmo equilibrado por ambas as partes e marcado pola igualdade tanto na pista como no macador (12 – 11). Os segundos dez minutos empezaron a amosar as gañas que Galicia tiña de establecer distancia. Así, mellorando o seu acerto, comezaron a sumar marxe positiva. Ao descanso, oito puntos arriba (27 – 19).

O regreso á pista foi o mellor momento das galegas. Afinadas, rubricaron un terceiro cuarto que, ao remate, sería vital para a vitoria. Navarra seguía pelexando, pero o combinado Galego, tras boas recuperacións e rápidas canastras conseguía a súa maior vantaxe (50 – 31).

Os derradeiros dez minutos foron os do sufrimento para Galicia. Incapaz de anotar e cun duro parcial en contra (0 – 10) nos primeiros seis minutos de xogo, o equipo de Fernán Varela viu perigar as súas opcións ante unha Navarra moi atinada. Ainda así, máis imprecisa que no inicio de partido, aguantou a situación, e sacou petróleo da marxe positiva que arrastraba (52 – 46)

05/01/18 - Xornada 5
(17.30 h) Cataluña - Galicia (Pavillón Infanta Juana) (22 - 16 - 16 - 2, 18 - 15, 27 - 14) (83 - 47) (estatística)

Partido complicado onde o resultado non influía xa na clasificación da Fase de Grupos. Aínda así Galicia saiu concentrada, gañando o salto e a primeira canastra do partido.

Os primeiros minutos foron disputados, seguindo por diante no marcador (6-0). Pero un par de perdas e erros baixo aro propiciaron que Cataluña se achegase para dominar o cuarto. (22-16).

No segundo período as galegas continuaron pelexando balóns pero reveláronse incapaces de acurtar distancias nin frenar a unha Cataluña que botou man dun par de triplas seguidas e canastras fáciles para chegar ao descanso cunha diferenza considerable de 20 puntos (38-18).

A dinámica da segunda parte resultou similar. A nosa selección non deixou de plantar cara pero a diferenza no marcador facíase visible e era difícil remar ao contraxeito. Nesta liña, Cataluña avanzou xa con paso firme ata o desenlace final (83-47).

Nesta Fase Previa Galicia remata como 4º clasificada do Grupo Especial  A. 

Cadete Feminino - Fase Previa Grupo Especial B

(Galicia, Madrid, Asturias, Andalucía e Canarias)

05/01/18 - Xornada 5
(13.30 h) Canarias - Galicia (Pavillón Rondilla) (15 - 19, 18 - 9, 11 -11, 10 - 15, P: 10 - 9) (64 - 63) (estadística)

Duelo moi igualado o Canarias - Galicia que se disputou esta mañá como única cita da Selección nesta xornada. As galegas saíron ao campo con moita intensidade logrando acabar o primeiro cuarto con catro puntos de vantaxe, valiosa diferencia moral ante o equilibrio de forzas que estaba por vir.

No segundo cuarto a intensidade Canaria obrigou as de Nacho Silva a cometer numerosas perdas, lastre que as condenaba a marchar ao descanso desta volta xa por debaixo (33 - 28) e coa necesidade de corrixir os erros cometidos ata o momento.

Na renovación do xogo, as dúbidas arrastradas da primeira metade, engadidas aos nervios, continuaron a propiciar problemas no combinado galego, que estivo incómodo en pista ata a chegada dos último dez minutos, o intre da reacción. E así aconteceu. O derradeiro cuarto foi o do impulso para o combinado galego, que mudou de cara e comezou a apertar forte en defensa para forzar así a prórroga.

Este tempo extra viviuse con moita tensión por ambas as seleccións. Con todo por decidir, os dous equipos tentárono en numerosas ocasións e con acerto dende a tripla, xerando unha igualdade que se estendeu ata o limite do reloxo, conseguindo Canarias, finalmente, o tanto extra necesario para facerse coa vitoria. (64 - 63)

Nesta Fase Previa Galicia remata como 5º clasificada do Grupo Especial  B. 

Cadete Masculino - Fase Previa Grupo Preferente C

(Galicia, Melilla, Ceuta, Navarra e Castilla León)

05/01/18 - Xornada 4
(11.30 h) Galicia – Castilla León (Pavillón Pilar F. Valderrama) (31 - 17, 15 - 13, 23 - 20, 13 - 21)  (82 - 71)  (estatistica)

Galicia saíu a pista moi concentrada, rubricando un inicio de partido case perfecto (32-17) que elevaou a moral de todo o equipo. No segundo cuarto a contenda volveuse máis difícil, sufrindo máis pero aguantando o empuxe de Castilla León para volver a ser donos do cuarto (46 – 30 ao descanso).

O terceiro cuarto foi o do intercambio. Galicia conseguiu a máxima vantaxe do encontro (20) pero, tras un mal parcial, a diferencia gañada reducíase a 8. Tito Díaz buscaba entón a reacción do se equipo e isto daba resultado. Un novo parcial a favor (11 - 0) deixaba as cartas máis claras rumbo ao remate do encontro.

Os derradeiros 10 minutos transcorreron con elevada intensidade. Castilla León, que aínda mantiña opcións de meterse en semifinais en función do tenteo final, apertou con forza. Con Galicia 15 puntos arriba, os rivais aínda asustaron e asinaron catro valiosos puntos, se ben non puideron arrincar a vitoria (82 – 71) de mans galegas

05/01/18 - Xornada 5
(19.30 h) Navarra - Galicia (Pavillón Lalo García) (9 - 18, 18 - 21, 17 - 5, 8 - 10) (52 - 54) (estatística)

Partido con recompensa positiva, in extremis, para Galicia, que tivo que pelexar ata o derradeiro segundo para rubricar o trunfo que lle outorga o pase ás semifinais de Preferente (Sábado, 6 de xaneiro ante Asturias. 13.30 h)

O equipo de Tito Díaz comezou dominando un encontro que non resultou nada fácil para os seus xogadores. O primeiro cuarto foi o de toma de contacto, e con saldo a favor para os nosos, que marcaban cunha vantaxe de 9 puntos o camiño a seguir. Pero, a partir de aquí, esta senda viuse repleta de tropezos, en certo modo debido aos despistes galegos en defensa, erros que ao remate do segundo e terceiro cuarto facíanlle perder a vantaxe que colleitara nos minutos previos.

O terceiro cuarto foi o máis crítico para Galicia, que desperdiciaba toda a superioridade e deixaba que Navarra igualase a contenda (44 -44) ante a chegada do periodo decisivo. E foi nesta marxe de tempo na que todo sucedeu na pista. Tanto as perdas de balón como as canastras sucedíase continuamente en ambas escuadras, dando Navarra maior sensación de crer nas súas posibilidades. Galicia seguía no partido, pero algo nerviosa. A minuto e medio para o asubío final, e de novo con empate (52 - 52), os de Tito Díaz pelexaron por recuperaron o pulso e, tras un tempo morto clave, sumaron unha nova canastra, provedora da vitoria.   

Nesta Fase Previa Galicia remata como 1º clasificada do Grupo Preferente  C. 

Infantil Masculino - Fase Previa Grupo Especial A

(Galicia, Baleares, Canarias, Andalucía e Madrid)

05/01/18 - Xornada 5
(13.30 h) Madrid - Galicia (Pavillón Infanta Juana) (16 - 21, 25 - 14, 13 - 12, 21 - 15)  (75 - 62) (estatística)

Galicia sufriu ante Madrid unha derrota na que a imaxe e as sensacións non puideron ser mellores, a pesares do saldo negativo. Non foi sinxelo para o rival doblegar a unha Galicia que durante os tres primeiros cuartos  respondeu á perfección á presión e a superioridade física rival. Comezaron moi entonados os de Javi Peinó, que evidenciaron estar ahí dende os primeros minutos de xogo cun parcial 7 – 12 que abría un cuarto que rematou tamén ao seu favor (16 – 21).

O segundo tempo mantivo a ambos equipos a un gran nivel, cun plus máis xa na escuadra madrileña, cuxo obxectivo era despegar directamente no electrónico. Cuestión que acadaron no descanso cunha vantaxe, polo momento, non moi ampla (41 – 35)

A segunda metade de encontro seguiu a ofrecer unha boa cara dos galegos, duros e hábiles en defensa. Pero Madrid subiu o ritmo preciso para pechar definitivamente as opcións galegas, establecendo unha diferencia cada vez maior no luminoso. Galicia, pola súa banda, finalizaba o encontro satisfeita polo percorrido do mesmo e pensando xa no seu cruce do sábado, 6 de xaneiro; ante Asturias (11.30 h) co obxectivo de salvar a categoría. 

Nesta Fase Previa os galegos rematan 4º clasificados do Grupo Especial A. 

Formación

Novas máis vistas

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago         Concello de Tui       Captura de pantalla completa 30032016 181327

 

 

 

  

concello novo 

Captura de pantalla completa 28042016 194652

porriño  Captura de pantalla completa 08112017 105358 
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
 logo aneto  logo special olympics galicia 2 325 

© 2018 Federación Galega de Baloncesto

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación e ofrecer contidos e publicidade de interese. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa Política de cookies. Máis información sobre a nosa política de cookies consulta o noso Aviso Legal.

Acepto as cookies

F.G.B.