Deporte Galego

XXVII Copa Galicia Sénior Masculina: Obradoiro CAB e Club Ourense Baloncesto, finalistas

  • 14 Setembro 2012 |

Obradoiro CAB e Club Ourense Baloncesto vencen nas súas respectivas semifinais da Copa Galicia e serán protagonistas da final deste sábado. A cita: ás 20.00 h, no Pazo dos Deportes Paco Paz (Ourense) e coa TVG2 retransmitindo en directo.

Pazo dos Deportes Paco Paz - Ourense

(18.30 h) Blusens Monbus - C.B. Breogán (81 - 77)

(12 - 21, 20 - 19, 25-16, 24 -21)

Árbitro Principal: Jacobo Rial / Árbitro Auxiliar: Cristian Martín / Árbitro Auxiliar: Fran Huete.

Obradoiro CAB e Breogán reuníronse na primeira semifinal da XXVII Copa Galicia coa intención de ofrecer aos 1200 espectadores que animaban o Paco Paz o mellor espectáculo posible, á altura dunha competición destas características.

Os primeiros compases evidenciaron que nos atopábamos en pretemporada e deixaron ver, ás claras, que custaría vencer e sacar froito.

En primeira instancia a situación resultou favorable para os lucenses, que aproveitaron o frouxo inicio de Blusens Monbus. O pouco traballo defensivo dos de Compostela, unido ás lentas revolucións da súa intensidade daban pulo a un Breogán que lucía superior no marcador (21 - 12) ao remate do primeiro cuarto.

Nos segundos dez minutos o encontro comezou a mudar, paulatinamente, de senso. O cinco obradoirista xa activo en ataque, cun xogo máis rápido de balón e sabendo ler correctamente as vantaxes interiores despois dos bloqueos, amosaba mellor cara. Pero Breogán, sen baixar a garda, mantiña o seu acerto. Así, o segundo parcial deixaba un tenteo parello de 20 - 19.

Á volta dos vestiarios, equilibráronse as opcións sendo aínda capaz o equipo de Pepe Rodríguez de soster a intensidade que tan bo resultado lle ofrecera nos primeiros intres de encontro. Polo Obradoiro, a faceta anotadora de Kendall, sobresaínte no terceiro cuarto, mantiña intacta a inquendanza sobre o desenlace desta primeira semifinal.

No cuarto decisivo, a balanza decantouse por un Blusens Monbus que soubo xestionar mellor as súas escasas forzas e sacar pólvora dun equipo con demasiadas baixas e coa ausencia dende o inicio do encontro de Rafa Luz, quen tivo que abandonar a pista tras un golpe.

Ao remate, 81 - 77 no electrónico do Paco Paz e a oportunidade para Obradoiro de loitar, este sábado, por sumar ás súas vitrinas a que sería, de xeito consecutivo, a súa terceira Copa Galicia.

Moncho Fernández
O Técnico obradoirista recoñeceu na rolda de prensa posterior ao encontro a flaqueza na intensidade do xogo do seus homes durante o primeiro tempo. Así mesmo, fixo fincapé na posterior mellora, grazas ao "aumento do nivel defensivo" e a saber volver dunha desvantaxe "que se antollaba complicada".O adestrador compostelán salientou a influenza das baixas de xogadores necesarios para o seu equipo. Un bloque que ten que lidiar coa ausencia dun "40 por cento do equipo, con roles importantes".

Pepe Rodríguez
O adestrador celeste, que restou trascendencia a súa descalificación nos últimos minutos de encontro, amosouse satisfeito polo rendemento do seu equipo nun partido "controlado dende a defensa" e "xogado con paciencia", facéndoo moi ben durante tres cuartas partes do xogo. Para Rodríguez o importante neste cita semifinalista era "facer un bo baloncesto".

2º Semifinal

(21.00 h) C.O.B - Básquet Coruña (74 - 68)

(14 - 9, 21 - 25, 21 - 22, 18 - 12)

Árbitro Principal: Daniel Pazos / Árbitro Auxiliar: Luis Estévez

A segunda semifinal desta XXVII Copa Galicia arrincou con falta de claridade no xogo de ambos equipos. Un ritmo desigual e un constante cambio de rachas caracterizou a proposta sobre a cancha de ourensáns e coruñeses. As imprecisións propias de inicio de temporada sucedíanse e ambos casos e deixaban o camiño aberto a calquera marcador final.

O Paco Paz viviu unha primeira metade dun claro dominio defensivo sobre as achegas ofensivas de cada bloque. Así, o descanso chegaba e todo estaba aínda por decidir.

A igualdade foi a tónica predominante ao regreso dos vestiarios, cun equilibrio só roto polo maior acerto e precisión no tiro do BCA. Situación ésta que sufriu un revés coa descalificación de Marcos Suka - Umu nos derradeiros minutos deste tempo.

No cuarto definitivo foi cando o anfitrión tomou as rendas do encontro. A súa superioridade foi crecendo grazas á mellora en tarefas defensivas, impedindo que o ataque herculino circulase o balón e poñendo en apuros as súas opcións de tiro. Os de Herrera víanse obrigados a intentalo sempre por debaixo dos sete segundos de posesión.

O dominio no rebote permitía aos homes de Rafa Sanz executar rápidas transicións e aportáballe unha fluidez que os deixaba 12 puntos arriba ben preto do final. BCA, pola súa banda, non dobregaba e contestaba cun parcial de 0-7 camiño da bucina final.

Pero, finalmente, e a pesares do arreón visitante, o COB facíase coa semifinal que lle dá dereito a competir mañá sábado, na súa casa, pola que sería a oitava Copa Galicia do seu palmarés.

Antonio Herrera
O novo adestrador de Básquet Coruña para esta temporada en Adecco Oro, Antonio Herrera; manifestouse satisfeito co seu equipo , remarcando un "nivel de esforzo moi alto". Para o andaluz os seus homes cumpriron coa maioría de obxectivos marcados, a pesares de recoñecer que o COB "soubo ler mellor as vantaxes" e permanecer "mellor situado no campo".

Rafa Sanz
O encargado de dirixir o temón do COB nesta temporada admitiu que o seu bloque, en ocasións, "concedeu puntos sinxelos debaixo do aro", compatibilizando estes intres de debilidade con minutos de ideas claras e consistencia."Gañar resistencia mental e física para poder soportar mellor as envestidas do contrario" foi unha das claves polas que apostou Rafa Sanz para a mellora do seu equipo de cara a esta pretemporada e ao inminente inicio de liga.

volver arriba

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago  Concello de Tui  Captura de pantalla completa 30032016 181327  cropped LOGO REDES 7 concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652 porriño  
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
logo aneto logo special olympics galicia 2 shuka