Deporte Galego

Comunicado da Unión de Federacións Deportivas Galegas: #DeporteSeguro

  • 14 Setembro 2020 |

O deporte galego está a pasar por un dos momentos máis difíciles da súa historia. A incidencia da COVID-19 na nosa sociedade provocou un escenario económico incerto e repleto de novos retos para todas as entidades e organismos que pelexan no día a día para promocionar algo tan esencial e saudable nas nosas vidas como é a práctica deportiva.

Despois dunha das épocas máis complicadas para o noso país, dun confinamento cheo de temores, cando parecía que xa pasaramos o peor e que por fin os nosos deportistas poderían competir nas diferentes disciplinas deportivas, ATOPÁMONOS CUNHA PARALIZACIÓN DA PRÁCTICA DEPORTIVA DE CONTACTO E DE COMBATE AFECCIONADO QUE XA VAI MÁIS ALÓ DOS SEIS MESES E QUE É DIFÍCIL DE SOPORTAR PARA AS FEDERACIÓNS E OS NOSOS CLUBS QUE SE ATOPAN NUNHA GRAVE SITUACIÓN DE VIABILIDADE. Unha realidade difícil de entender para o deporte xa que non hai ningunha outra prohibición de tal calibre en ningún sector da sociedade.

As federacións e clubs galegos, amosaron a súa empatía e implicación coa sociedade e coas administracións nun momento no que, en tempo récord, houbo que reinventarse e chegar aos domicilios dunha poboación que precisaba do entretemento e dos beneficios da actividade física deportiva, non dubidamos en sumarnos ás labores de voluntariado, en doar e prestar material ou en dar apoio en calquera das formas que estivese nas nosas mans. O deporte galego tratou de estar á altura dunhas circunstancias que requirían unión, iniciativa e solidariedade.

Dende a Unión de Federacións Deportivas Galegas, manifestamos:

A necesidade de salvar e pelexar polo presente e futuro do deporte federado de Galicia. Pedimos axuda, empatía e solucións para un sector que supón a 2,63% do PIB Galego, do que dependen 272.000 DEPORTISTAS, máis de 000 FAMILIAS e que proporciona ingresos recorrentes a máis de 2.300 empresas.

As federacións deportivas galegas, e as súas entidades e deportistas levan meses traballando en exhaustivos e amplos protocolos para recuperar a súa actividade e garantir as medidas necesarias para minimizar os riscos ante un virus que non entende de economía, nin de política, incluso nin de ámbitos xeográficos, tan só de responsabilidade e disciplina, algo no que o mundo do DEPORTE PODE DAR GRANDES LECCIÓNS.

Somos DEZASETE as federacións deportivas galegas de contacto e de combate que nestes momentos seguen inmersas nun confinamento deportivo sen precedentes, dezasete federacións que representan o 70% das licenzas deportivas galegas , que piden regresar coa MÁXIMA SEGURIDADE sen perder a esencia das súas disciplinas, con cautela e respecto, pero SEN MEDO.

AS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS, AO IGUAL QUE AS NOSAS ENTIDADES E DEPORTISTAS ESTAMOS MÁIS UNIDAS CA NUNCA e confíamos no traballo realizado así como nas medidas propostas para a reactivación. NON ELUDIMOS RESPONSABILIDADES e por iso solicitamos que as diferentes instancias do deporte tampouco o fagan, precisamos decisións, implicación, consenso e solucións urxentes.

Entramos nun período de tempo fundamental e decisivo para a práctica deportiva de contacto e de combate. Se nestas DÚAS PRÓXIMAS semanas non se pon fin a esta paralización nos abocará á inactividade ata máis aló do inicio do 2021, situación que daría lugar á DESAPARICIÓN DE MOITAS ENTIDADES DEPORTIVAS GALEGAS.

Solicitamos a todas as institucións tanto privadas como públicas, nacionais, autonómicas, provinciais e locais O APOIO E DEFENSA DO DEPORTE. Pedimos COORDINACIÓN entre institucións, rogamos non nos SUPRIMAM AXUDAS OU SUBVENCIÓNS e instamos á colaboración cos propietarios/as das instalacións, esas instalacións nas que meses atrás se realizaban grandes eventos, se celebraban grandes éxitos deportivos, onde se sacaron grandes fotos e presumíamos de ser unha potencia. Por favor, é urxente A CONFIRMACIÓN DUN PROTOCOLO MARCO DENDE AS MÁXIMAS INSTANCIAS DEPORTIVAS para poder regresar ás que durante moito tempo foron as nosas casas. As federacións e os clubs podemos facilitar o camiño, pero todos vós tendes a chave, precisamos organización, empatía e implicación con todas esas entidades que tantas alegrías nos daban non hai moito tempo.

Realizamos un chamamento AOS RESPONSABLES POLÍTICOS E Á SOCIEDADE para que se suban ao barco da esperanza; O DEPORTE É SAÚDE É VIDA, NON É UN PROBLEMA, o deporte galego federado pode ser PARTE DA SOLUCIÓN na concienciación social e no adoutrinamento das medidas preventivas ante a COVID-19, no fortalecemento do sistema inmune, na conciliación familiar, etc…

É o momento do diálogo, das solucións, da unidade e da responsabilidade. O DEPORTE GALEGO FEDERADO ESTÁ PREPARADO PARA O REGRESO.

#DeporteSeguro

#SomosSolución

#ContaxiamosDeporte

volver arriba

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago  Concello de Tui  Captura de pantalla completa 30032016 181327  Logo Ufedega AVATAR RRSS concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652 porriño  
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
logo aneto logo special olympics galicia 2 shuka