María Pérez Araujo: "traballo duro e mentalidade positiva"

Xoves, 14 Decembro 2017 18:12

A nova savia do baloncesto galego irrumpe con forza. Un futuro que xa é plena realidade personifícano neste 2017 que xa case remata xogadoras como María Pérez Araujo (Vigo, 1 de agosto de 1997).

Talento, constancia, esforzo e amor por un deporte que está a darlle moitas ledicias, supoñen o día a día dunha deportista que ten claro de onde vén e ata onde pode permitirlle chegar a canastra. Un horizonte prometedor para unha optimista incansable, actualmente militando na "Liga Día" con Star Center Universitario Ferrol. Conversamos con ela.

María Pérez Araujo, coa Selección Nacional María Pérez Araujo, coa Selección Nacional (Foto: FEB)

- Inevitable comezar preguntando como estás a asumir as máis que positivas sensacións, cifras e pasos adiante que che sucederon neste curto período de tempo?

A verdade é que este 2017 está acompañado de moi boas sensacións deportivas, sobre todo logo da tempada co Universitario, sempre digo que cando as cousas van ben no equipo é máis fácil que individualmente saian ben. Estou moi contenta pola tempada e Europeo U20, dúas experiencias moi bonitas que me están axudando a crecer como xogadora.

- “Promesa feita realidade”. Asusta esta denominación?

Non asusta, axuda para coller con máis gañas os adestramento e o traballo diario.

- Xa con certa perspectiva, podes elixir un intre que consideres o punto de inflexión na túa traxectoria máis inmediata?

Eu creo que sería o dar o salto a Liga Feminina 1, ao final foi o meu maior reto ata agora, abandonar a miña casa (aínda que non Galicia, jaja) para xogar fora e nunha liga máis profesional, o que me fixo ter que traballar máis para poder destacar e ter minutos na liga.

- E con esa mesma distancia que vai engadindo o tempo, que significou para ti ese MVP do Europeo U20 no pasado verán?

Ao final é un premio, polo que estou contenta claro, pero sobre todo pola medalla de ouro que se leva todo o equipo e España. O premio é unha motivación máis para seguir e ver que o esforzo trae recompensas.

- Para chegar a vivir momentos únicos como ese recoñecemento hai moito traballo detrás, sempre é clave a formación. A túa base en Vigo foi fundamental. Que pilares aprendiches nesa etapa?.

Sempre que falo de min, nomeo ao Celta, axudáronme moito a madurar e a traballar na base do meu baloncesto, ao final o Celta é un equipo que traballa moi ben a canteira, sen dúbida sempre direi que o Celta é o meu equipo, e sempre terán unha fiel seguidora!

- 2015. Con 18 anos, maioría de idade e salto á Liga Feminina. Houbo vértigo neste intre?

A verdade si que foi unha decisión difícil de tomar, era nova e no Celta estaba moi ben, pero como xogadora quería máis, son ambiciosa, e cando se me presentou a ocasión non podía deixala escapar, xogar na máxima categoría e coas mellores xogadoras... había que ir a por iso!

- E xa en 2017, e con todo un futuro prometedor por diante, que valoración fas do teu traballo neste baloncesto ao máis alto nivel?

Sobre todo destacaría as horas que hai que dedicarlle si queres chegar alto, hai que traballar moi duro e sempre con mentalidad positiva.

- Canto supuxo a influencia de cada adestrador no teu crecemento como xogadora?

Agora mesmo destacaría a 3 persoas: Carlos Colinas, co que din o salto a Liga 2, axudoume moito a madurar e a ser dura mentalmente. Tamén do Celta lévome a Cristina Cantero, con ela pasei moitos anos, tiña moita complicidade con ela en canto a adestradora-xogadora, fíxome fácil entender o baloncesto. E, sen dúbida, o que é agora o meu adestrador, deume a confianza que necesitaba e sobre todo a súa forma de ver o baloncesto, xogar con Lino axúdache a pensar mentres xogas, saber porque fas iso e non o outro.

- Neste punto da túa traxectoria, chega ese intre no que xa te pos retos inmediatos ou segue pesando máis a importancia da progresión?

Sigo prensando na progresión, pasiño a pasiño espero chegar lonxe.

- Cal é a túa valoración da saúde do baloncesto feminino español ao máis alto nivel?

Cada vez o baloncesto feminino está a mellor nivel, e creo que o demostramos.

- Nesta mesma liña, como ves o futuro da presencia e recoñecemento do traballo que as mulleres teñen no mundo do deporte?.

Estamos lonxe dos homes, pero todo o que as mulleres conseguimos será recompensado, seguiremos traballando para iso.

- Compaxinas a túa carreira deportiva con estudios universitarios. Como se consigue que o éxito deportivo non deixe relegado este plano da vida?

A verdade que é difícil compaxinar estudos con baloncesto, a miña única opción foi a de estudar a distancia xa que adestro mañá e tarde todos os días, pero sencillamente é dedicarlle horas e saber que non vas sacar a carreira ao ritmo dun estudante normal.

- Que recordos gardas do teu paso polas nosas Seleccións?

Na selección galega sempre tiven momentos moi bonitos, e a verdade que gardo moi boas sensacións. Sempre desexaba que chegasen as concentracións para reunirme coas miñas amigas e poder xogar con elas.

- Desde a federación unha das nosas inquedanzas incansables é a da promoción do deporte base dende a túa experiencia, e a túa xuventude, que mensaxe podes deixarlle a todos os nosos federados máis novos que viven de seguro do mesmo xeito ca ti a ilusión polo básquet?

Diríalles que gocen de cada momento e, sobre todo, que traballen duro, sen traballo non se chega a ningún lado.

Formación

Novas máis vistas

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago         Concello de Tui       Captura de pantalla completa 30032016 181327

 

 

 

  

concello novo 

Captura de pantalla completa 28042016 194652

porriño  Captura de pantalla completa 08112017 105358 
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
 logo aneto  logo special olympics galicia 2 325 

© 2018 Federación Galega de Baloncesto

Empregamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación e ofrecer contidos e publicidade de interese. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa Política de cookies. Máis información sobre a nosa política de cookies consulta o noso Aviso Legal.

Acepto as cookies

F.G.B.