Deporte Galego

O Día do Pequebasket da Escola de Basket Xiria abre as súas portas a nen@s de toda Galicia

  • 16 Maio 2014 |

Fernando Romay será recibido polo alcalde de Carballo antes de compartir unha xornada de deporte, xogos e diversión cos rapaces.

Durante toda a xornada de hoxe realízanse as labores de montaxe e preparación das instalacións no pavillón Carballo Calero e o CEIP Bergantiños.

Durante toda a xornada de hoxe traballarase arreo no pavillón Carballo Calero e no CEIP Bergantiños para ter a punto o gran parque de atraccións do Día do Pequebasket. A iniciativa da Escola de Basket Xiria reunirá mañá en Carballo a preto de 500 nenos e nenas de toda Galicia para participar nunha xornada de promoción da faciana máis lúdica do deporte e dos hábitos de vida saudables dende as idades temperás. Pero as portas das instalacións estarán abertas a todos os rapaces da comarca, que a partir das 11.00 horas e ata as 19.00 poderán gozar nas numerosas actividades programadas.

Os equipos de pequebasket procedentes de toda Galicia terán á súa disposición sete canchas de baloncesto nas que durante todo o día haberá partidos nos que o menos importante é quen gañe ou quen perda, de feito, non se habilitarán marcadores. Preto de 500 nenos de 5 a 8 anos están a dar os seus primeiros pasos no mundo do deporte, e a de mañá será unha gran festa de clausura despois da tempada.

Corenta voluntarios traballarán cóbado con cóbado coa organización para que a xornada resulte o mellor posible, e os nenos que se despracen ata o parque de xogos estarán atendidos en todo momento por monitores especializados. No recinto do Día do Pequebasket haberá unha zona de atraccións inchables, outra de xogos tradicionais construídos con materiais reciclados e unha terceira de coches a pedais, ademais de obradoiros e, antes do xantar, un concerto musical do grupo Pirilampo.

A organización espera recibir en Carballo a máis de 1.000 persoas, polo que xa se estableceu por parte da Policía Local o dispositivo de tráfico necesario. Ademais, a Escola de Basket Xiria distribuíu entre os clubes de toda Galicia folletos onde os pais dos nenos atoparán información sobre zonas de aparcamento e tamén dos locais de hostalería que colaboran no evento.

Fernando Romay
Un dos grandes atractivos da xornada, incluída no programa "Galicia 2014. Imos pola Copa", promovido pola Federación Galega de Baloncesto, será a presenza de Fernando Romay, que compartirá o día cos nenos e nenas que se acheguen ata a rúa Carballo Calero. Á súa chegada a Carballo, o ex xogador de baloncesto será recibido polo alcalde, Evencio Ferrero. 

Toda a información sobre horarios, díptico e carteis, en www.diapequebasket.es

volver arriba

Colaboradores Institucionales

Concello de Santiago  Concello de Tui  Captura de pantalla completa 30032016 181327  cropped LOGO REDES 7 concello novo  Captura de pantalla completa 28042016 194652 porriño  
lugo logo-deputacion-ourense logo DEPUTACION PONT
Deputación da Coruña  logouvigo 

Colaboradores FGB


 
logo aneto logo special olympics galicia 2 shuka